miércoles, 25 de abril de 2012

Fasenuova e Malandrómeda, demasié para un corpo dun ano!!!!

Ola amigas e amigos, o día 25 de abril de 2011 iniciamos este apartado na galaxia, o tempo pasa e para celebrar o ano que cumprimos temos preparado un dobre cartel para que gocedes ben. Nada máis e nada menos que Malandrómeda e Fasenuova estarán connosco o próximo día sábado 12 de Maio na Sala Playmóvil de Vigo ofrecendo senllos recitais nun dobre cartel que nos enche de orgullo (e satisfacción, si, señor). Aquí tedes o cartel, obra doutro artistazo como Andrés Magán:


 Pois iso, que se algunha vez fostes a algún dos concertos que montamos ou se algunha vez lestes as cousas que por aquí poñemos, esperamos que tanto a vosa mente coma o voso espírito se enriquecesen. Iso é o que pretendemos. Tamén queremos dar as grazas a todos os que nos botaron unha manciña, ou as dúas (e non ao pescozo precisamente), sempre de xeito totalmente desinteresado. Tampouco nos move a fama nin os cartos. Pois iso, coa man sobre o peito (concretamente sobre a "pataca"), moitas grazas!! Sen máis. Alí vos esperámos. Unha grande aperta a todos!!!!

Aquí debaixo tedes os detalles do festín:

FASENUOVA + MALANDRÓMEDA
Sala Playmovil (Antigo Vademecwm) - Vigo
Sábado 12 de maio
23:00 h.
Entrada: 6 €


MALANDRÓMEDA levan xa seis anos publicando as súas creacións en varios 7'', 10'' e 12'' nos que Hevi (o mellor MC do estado?) esculpe rimas cheas de loucura que mesturan o autóctono e o universal sobre vellos beats porcallentos aos que Caldeirada mete mán por diante e por detrás. Atrévense con todo con tal de menea-la mente do espectador, churrasco sonoro con rocanrol, cumbia atlética, métrica canalla e experimental, unha festa malandrómica chea de graves e delay.



FASENUOVA pola súa banda nacen coma unha evolución natural doutras formacións anteriores nas que Ernesto Avelino e Roberto Lobo liberaban as súas paixóns polo ruido, a retroalimentación e os sóns industriais. O seu aclamado “A la quinta hoguera” (Discos Humeantes, 2011) supuxo a culminación a toda esta traxectoria, unha alegoría dos misterios da vida, do amor, a morte e a linguaxe que conectan ó ser humano có descoñecido, coma se dun libro de poemas se tratase, xograresco e industrial ó mesmo tempo. Pop con espiñas perfecto para desatar os instintos máis primitivos de calquera mente. Ninguén colocara antes o ruido nun lugar tan carnoso, coma se do más puro rock’n’roll se tratase.





http://malandromeda.com/
http://discoshumeantes.bandcamp.com/album/fasenuova-a-la-quinta-hoguera


P.D.: Estamos moi orgullosos de compartir aniversario coa Revolução dos Cravos

No hay comentarios: