miércoles, 11 de abril de 2012

Galician Bizarre II en marcha!


Despois de ter conseguido ser un dos máis importantes altofalantes do underground galaico nos últimos tempos e que serviu de conexión entre distintas bandas espalladas pola nosa xeografía, o que ten axudado (e moito) a dar un maior sentimento de colectivo e de traballo común entre tódolos participantes nel, atopámonos con que o recompilatorio Galician Bizarre (2010) terá continuidade cunha segunda entrega na que se presentarán 18 novas bandas a engadir ás outras 15 que aparecían no primeiro disco. Nesta ocasión pódese apreciar unha maios amplitude de sons, o que engade un novo atractivo a este artefacto.

Na primeira colección aparecían nomes consagrados na escena (coma Indómitos ou Novedades Carminha) e outros que se teñen ido confirmando durante este tempo coma grandes realidades (Telephones Rouges, Metralletas Lecheras ou SraSrSra) xunto a outras que tamén participaron activamente en varias das actuacións que se teñen levado a cabo por toda a nosa comunidade e tamén fóra dela, sobre todo en Madrid, xerando un intercambio con formacións semellantes (en canto a espírito) do resto do estado que fixo que se falase dun novo movemento musical en Galicia máis alá do noso territorio. 


Isto ten provocado que o son das novas bandas galegas chegue con máis forza ós de fóra e así teñen sido varias as discográficas interesadas por estes artistas para plastificar as súas composicións. Desta maneira, entre outros, temos a Metralletas Lecheras cún EP na madrileña Bowery Records, Telephones Rouges xa con dúas referencias na catalana Mama Vynila, SraSrSra que estrearán disco en breve con Discoteca Oceano (editora de El Guincho) ou Novedades Carminha quen con xa tres discos pódese dicir que son a cabeza máis visible do movemento. Pero sobre todo o triunfo desta proposta foi que estableceu comunicación entre os propios artistas, o que tén levado tamén unha sinerxia nas catro provincias có movemento xerado nelas.

Neste novo volume podemos atopar a Fantasmage, que están a presentar o seu primeiro LP na asturiana Discos Humeantes (que ten publicado a bandas tan importantes coma Fasenuova, Chiquita y Chatarra ou Juanita y Los Feos) ou Fluzo (que xa contan cun gran número de seguidores en toda España e cun 10’’ no seu haber). Xunto a eles, Carrero Bianco, Mano de Obra ou Los Televisores (procedentes dos extintos e maravillosos Le Cül) son algunhas das formacións con máis percorrido e que xa teñen quilómetros ás súas costas, tamén temos á figura máis relevante no noso underground, Sr. Anido, ou ós novísimos e moi prometedores Christ Divides e Wild Balbina. Mullet, Trajano! ou Lobishome son tamén das bandas que máis expectación teñen espertado coas súas primeiras composicións.


Como vemos, non é en balde o traballo que se ten desenvolvido tras esta aparente “bizarrada” e aínda que nun principio non foron moitos os medios que lle prestaron a atención necesaria, có paso do tempo e ante a imposibilidade de nega-la evidencia, finalmente teñen caído nas redes deste son carente de prexuízos e de carácter librepensador. Agora, chegado o momento de financiar esta segunda aventura e aproveitando as novas tecnoloxías, prepárase este segundo disco (que se publicará en vinilo, igual que o primeiro) con achegas dos seguidores (sempre obtendo recompensa a cambio) por medio do sistema de crowdfunding.
Portada do Galician Bizarre II, obra de Andrés Magán, Mar Catarina e Rubén Dominguez
Alarido Mongólico, Carrero Bianco, Christ Divides, Fantasmage, Fluzo, Lobishome, Los Televisores, Los Thyssen, Mano De Obra, Mullet, Pastillas Mamut, QVEK, Sr. Anido, Terbutalina, Tetra & Freek, Tora Tora Tora!, Trajano! e Wild Balbina serán as bandas que dean forma a esta segunda mostra, de novo con temas inéditos por parte de cada unha delas. Dende aquí non podemos por menos que animar a todos aqueles que queiran botar unha man a que as nosas formacións podan ter unha maior difusión tanto dentro coma fóra das nosas fronteiras picando no seguinte link que xa leva activo varios días, o prazo remata o 14 de maio. Ahí tamén poderedes obter unha información moito máis detallada e completa sobre este proxecto. Moitísima sorte a tódolos participantes!

No hay comentarios: