As casualidades son maravillosas, e as que xorden no último momento aínda máis, unha delas fai que mañá
estea pisando terras galegas esta formación italiana que de seguro fará as
delicias dos amantes don sons máis arriscados. Father Murphy son un trío que
practica unha música de difícil definición, unha aproximación podería ser a que
eles mesmos aportan “psychedelic slow tempo rock doom” e que tén puntos en
común con outras formacións contemporáneas como Liars, This Heat ou Jennifer Gentle.
Teñen compartido escenario en Estados Unidos con xente como
Deerhoof ou Xiu Xiu e son unha das bandas máis admirada neste momento por
Michael Gira.
Veñen presentar o seu cuarto disco “Anyway, your children will deny it” (que podedes escoitar aquí),
cheo de sonoridades intensas e cancións case holográficas que revelan novos
detalles tras cada nova escoita. Do lirismo escuro de Scott Walker á
marcialidade dos Swans e da liturxia de Current 93 ao misticismo urbano da
Velvet Underground.
Estes tres italianos que aseguran ser descendentes do
Reverendo Murphy son unha delicia para os oídos máis intrépidos. Se o queres comprobar, terás a oportunidade no Bar
Labranza mañá domingo 11 de novembro ás 22:00 h e có módico prezo de 5 €.
Ola amig@s, comprácenos anunciarvos o concerto que a artista Lorena Álvarez, unha das grandes revelacións deste 2011, ofrecerá no Bar Labranza de Meiro o vindeiro xoves 15 de novembro. Trátase dunha das figuras máis carismáticas xurdidas nos últimos tempos na música estatal, un fenómeno único que constrúe pontes entre tradición e modernidade con sabedoría, honestidade e unha desenvoltura total, ingredientes que fan da música e letras de Lorena Álvarez algo moi especial, como demostra en cada unha das composicións do seu recentemente publicado "Anónimo" (Sones, 2012).
A orixinalidade consiste en volver á orixe, desta forma parece entender a arte Lorena Álvarez. Tan simples como eficaces, as cancións da asturiana están cheas de alma, de espírito verdadeiro e mensaxe atinada, e quedan gravadas antes de dicir Amén. Nun acto moi pouco común estes días, Lorena reivindica a tradición cultural dun xeito moi claro: a canción popular, aínda sen poder obviar o feito de estar en pleno século XXI.
Tras esgotar existencias da maqueta"La Cinta"nunha semana, entrega agora un esperado debut asinado co seu nome e apelido, e titulado brillantemente "Anónimo" porque as súas cancións, di ela, son de todos. Rexistros como a xota -nas súas diversas variantes-, os romances, o pasodobre, a música sefardí ou, sen ir máis lonxe, as verbenas dos pobos, son a influencia dunhas composicións sorprendentes. Son cancións que quereremos cantar na casa, nunha praza, no campo e na praia. Porque da mesma forma que, cando temos que contar as nosas historias máis embarazosas e comprometidas, llas endosamos a "un compañeiro do traballo", encantarános cantar sen ningunha vergoña estas historias de irrepetibles noites en vela, infidelidades, traizóns e egocentrismo.
Un dos feitos máis interesantes que acompañan á figura de Lorena Álvarez é que, por enriba de todo isto, posúe unha personalidade moderna e verdadeira. No sorprendente vídeo de "A Voda", na coidada arte confeccionada para a edición do disco, e mesmo a través das entradas do seu blog, queda patente o encanto que acompaña calquera mostra da súa creatividade. A xente que acode aos seus emotivos concertos é distinta e de idades moi dispares. Algúns son seguidores das últimas tendencias, e outros xamais se preocuparon por algo de semellante natureza. Pero que alguén conseguise isto antes mesmo do seu primeiro disco, é sinal de que temos algo especial entre as mans.
Polo momento estas serán as súas aparicións nos escenarios galegos:
Xoves 15 de novembro: Bar Labranza, en Meiro-Bueu
Venres 16 de novembro: Sala Karma, en Pontevedra
Sábado 17 de novembro: Sala Le Club, na Coruña
Ademáis tamén formará parte de banda que acompañará a Josephine Foster na súa actuación no Auditorio Municipal de Vigo o vindeiro martes 13 de novembro. Obra e gracia de SinsalAudio.